Friday 03 de May de 2024

O Neowise desde San Sadurniño


Pensabades que non vos iamos mostrar como se ve o cometa Neowise desde San Sadurniño? Si, pensabádelo? Pois estabades enjañadas/os. Onte achegámonos ao Pico de Ferreira para tirar unhas foticos deste cometa que non volverá pasar preto de nós ata dentro de 6.000 anos.

Podedes velo mirando ao noroeste unha hora despois de que se vaia o sol. Cada día aparecerá un chisco máis alto no horizonte xusto por debaixo do “Carro” (a Osa Maior). Iso si, co paso dos días cada vez será máis tenue e despois do 23 de xullo xa non o veremos.

Buscade un lugar con pouca contaminación lumínica -algo case imposible na nosa zona- e se tedes binoculares, levádeos. Ao principio, mentres os ollos non se nos adaptan á escuridade, é difícil atopalo. Pero non vos preocupedes, está aí e á volta duns intres empezaredes a notar algo no ceo e, pouco despois, percibirédelo sen problema (se non hai nubes, claro).

Nas fotos vese moi ben porque se trata de imaxes de longa exposición -entre 6 e 13 segundos- tomadas cunha cámara réflex e un trípode suficientemente pesado para evitar que o vento a movese.

Pois iso, aí tedes este fenómeno astronómico, o máis destacado de 2020. Todo un espectáculo de balde e seguro para as próximas noites. Ah, se estades preguntándovos que sitios se ven na terra temos que dicirvos que a maior parte dos alumeados pertencen á parroquia Lamas (Riboira, O Chao, etc.). Ao fondo, terras de Narón e Valdoviño no caso dos encadres máis abertos. Agardamos que vos gusten as imaxes, aínda que non hai nada como gozar ao vivo desta marabilla.